Decálogo: “NOVOS ESPAZOS PARA O GALEGO NO BIERZO 2017”.

1- No Bierzo, como demostrou Morales, temos unha lingua histórica de cultura que nos confire identidade. Afirmemos con valentía que nós tamén falamos galego e reclamamos tanto a pervivencia dos espazos de uso tradicionais como a apertura de novos espazos acordes aos tempos que corren.

2- Queremos logo conservar os topónimos autóctonos como riqueza patrimonial esencial e secular. Por que denominar Tejeira ou Veguellina a lugares que todos chamamos Teixeira e Veigueliña?

3- Conservar con atención o noso patrimonio inmaterial, costumes e tradiciois que van tan unidas aos nosos corazois que manteñen coa nosa fala unha forte unión emocional, dende os maios de Vilafranca, aos magostos ou os inxertos das cereixais.

4- Manter e promover o encontro e o diálogo social e cultural con Galicia (Valdeorras, Courel, Cebreiro, Cervantes). Este tipo de relaciois son un espazo de vello vivo e no presente en parte fraccionado pola fronteira política que non cultural, atacado pola despoboación e as fronteiras autonómicas, as montañas unen.

5- Tamén na natureza, a flora e a fauna, temos unha riqueza léxica que protexer. Estender o pensamento do ecoloxismo ao eido lingüístico debe formar parte inseparable do noso amor pola terra. Formular así en galego a promoción dos produtos da nosa terra dende o botelo ao viño, castañeiros, cireixais, ou as empanadas de salmois.

6- A educación é un espazo esencial o lugar onde aprendemos a exercer como seres sociais que somos. Esta faceta tamén debe ofrecer a posibilidade de incorporar ao noso desenvolvemento integral, sen enmudecer a nosa fala, sen ignorar a nosa cultura, afirmalas porque nos confiren identidade, fannos diversos no universo.

7- As tecnoloxías deben ser ferramentas para eses novos espazos a conquistar e a traballar os novos e se de vello os nosos avós foron quen de facer uso de dúas linguas, os bercianos/as do futuro monolingües deben incorporarse como neofalantes e enriquecerse coa maxia dunha lingua histórica do Bierzo.

8- A administraciois deben atender as demandas da Carta europea, procurar un uso democrático dos dereitos lingüísticos, reflectindo en escritos, rótulos e sinais a lingua natural de cada lugar.

9- Morales cantor do Bierzo, que foi quen de editar e escribir nas revistas da época en galego, é un exemplo para fomentar que na literatura, en calquera expresión cultural, e especialmente na prensa, radio e TV tamén se saiba incorporar a fala das xentes humildes dunha boa parte do Bierzo, reclamar a presenza do galego nos medios da nosa comarca: unha meta a lograr achegar á realidade lingüística, espallar o respecto aos dereitos lingüísticos dos cidadáns e colaborar ao labor de construír día a día dunha sociedade máis xusta.

10- Este ano 2017 debemos contribuír a que todos os bercianos saiban e teñan a oportunidade de coñecer a obra de Morales, de facer da diversidade lingüística que o Bierzo presenta unha riqueza patrimonial. Con este autor como bandeira, sentiremos e entenderemos máis e mellor a identidade do Bierzo.

                                                                   Grupo “As Médulas”