DEMANDAS LINGÜÍSTICAS ANTE OS PARTIDOS POLÍTICOS

DEMANDAS LINGÜÍSTICAS ANTE AS ELECIOIS DO 26 DE MAIO.

Polo coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

falaceibe@yahoo.es

Ante as vindeiras eleciois, autonómicas e locais, do 26 de maio, desde O Bierzo queremos presentar as nosas demandas lingüísticas aos partidos políticos. Hai que ter en conta a existencia de galegofalantes na Seabra zamorana e O Bierzo ocidental e, polo tanto, da nosa problemática cultural nos programas electorais.

O primeiro é esixir un maior cumprimento do establecido na Carta Europea das linguas rexionais e minoritarias no que se refire á minoría galegofalante do Bierzo. Outro tanto hai que dicir do fixado no Estatuto de Autonomía de Castela e León, “gozará de respeito e proteción a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice” (art. 5.3). Este mandato estatutario debe ser cumprido na súa integridade xa que agora non se executa polas administraciois locais.

No tema do ensino, o galego ten que ser de oferta obrigatoria por parte de tódolos centros educativos do Bierzo ocidental. Isto hoxe non se cumpre, o que empece o ensino galego nalgúns centros escolares. Ademais o galego ten que estar presente en tódolos niveis educativos para que o alunado poida exercer a súa demanda voluntaria con liberdade.

Nas Cortes de Castela e León hai que aprobar a Lei de linguas rexionais para que teñan máis proteción xurídica o leonés, o galego e o euscaro de Burgos. Neste senso o galego debería ter capacidad de iniciativa nas Cortes autonómicas e na oficina do Procurador do Común.

Tampouco se pode pasar por alto que o galego do Bierzo debe ser recoñecido co estatuto de oficialidade, mediante a expresa reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León. Só deste xeito se poderá evitar a nosa discriminación lingüística atual con relación á Comunidade Autónoma de Galicia.

Na vindeira lexislatura a Junta de Castela e León ten que negociar un protocolo de colaboración para o uso administrativo do galego polos entes locais, coa Xunta de Galicia e o Consello Comarcal do Bierzo. Ademais, non se pode permitir por máis tempo que o chamado Instituto Castellano y Leónes de la Lengua discrimine as outras linguas minorizadas nas súas actividades de promoción.

O Consello Comarcal do Bierzo precisa dun maior protagonismo no fomento do galego, como determina a súa lei de modificación de 2010. Nesta dinámica será clave a creación dun Servizo lingüístico que promocione o galego nos entes locais, Consello comarcal, concellos e pedanías. Porque a escasez de recursos personais, materiais e económicos esixe a cooperación institucional en materia lingüística.

Os concellos e as pedanías rurais teñen que facer máis pola recuperación da súa lingua  galega. Así pode acontecer coa restitución da toponimia tradicional. Outro tanto pode suceder coa aplicación do criterio informativo bilingüe que permite o galego na documentación, os letreiros, os sinais, etc. O galego non debería faltar nas bibliotecas, actividades culturais, festas locais, museos etnográficos e demais. No dereito consuetudinario local sempre estivo presente o galego oral dos seus veciños.

Os partidos políticos deberían rachar coas dinámicas históricas antigalegas. Os galegofalantes do Bierzo merecemos outro tratamento a prol da nosa liberdade de expresión.

 

O Bierzo, 2 de maio de 2019.

www.obierzoceibe.blogspot.com