O DÍA DO NOSO GALEGO NO BIERZO.

O DÍA DO NOSO GALEGO.

Xabier Lago Mestre.

Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

De novo chega o 9 de marzo, día do nacemento de frei Martín Sarmiento en Vilafranca polo 1695. Este cabo de ano serve para recoñecer a importancia da nosa lingua galega no Bierzo. No século XVIII Sarmiento reivindicou a revaloración do galego a nivel filolóxico e pedagóxico. E hoxe o seu traballo é todo un exemplo para os bercianos.

Temos unha tradición histórica de presenza do galego na nosa rexión. Por iso os falantes bercianos mantemos a nosa lingua no Bierzo ocidental, nas vilas e aldeas. A literatura oral, a toponimia, as escolas, o folclore… son recursos lingüísticos que nos vencellan co noso  patrimonio cultural. Sen embargo, temos grandes ameazas, como a despoboación e maila emigración do noso medio rural.

Atrás quedan os tempos da vitalidade do galego medieval, da concienciación ilustrada do Sarmiento ou do rexurdimento galego de A. Fernández y Morales. Hoxe necesitamos novas dinámicas reivindicativas adaptadas aos recursos do 2019. Non basta coa resposta do tradicionalismo cultural ocasional e illado. O traballo reivindicativo necesita outras estratexias acotío.

O localismo tradicional ofrece a súa cultura galegueira. As falas, o folclore (música, bailes…), as festas tradicionais (os maios, romarías…), a literatura oral (lendas, contos…), as expresiois artísticas (poesía, teatro…) ou as pintadas murais seguen a ser expresión da nosa liberdade lingüística. Sen embargo, esta dinámica cultural resiste minorizada baixo a presión da cultura castelá, propia dos eidos social, institucional ou político.

Os galegofalantes do Bierzo temos vedados os medios de comunicación tradicionais. Mais convén difundir a nosa problemática cultural para espertar as conciencias sobre as discriminaciois que sufrimos. Todos sabemos que hai un espazo dixital masivo onde nos relacionamos e informamos.

O mundo dixital é un espazo aberto tamén para os galegofalantes. Ademais a cultura galega tradicional segue a ser vista chea de preconceitos (ruralidade, vedraña, antiga… Resulta chave asociar o noso galego á modernidade para prestixialo. E para isto hai que contar con recursos dixitais, aproveitando máis as redes sociais.

Hai que saber moverse pola internet co galego. O impacto visual reclama a atención de moitos se conta coa compaña da provocación. Os internautas procuran maiores expectativas (información interesante, rápida…) que compensen as súas obrigas (atención constante, resposta…). O galego é un medio dixital válido, como outro calquera, para gañar espazo informativo. Non perdamos esta oportunidade.

Cómpre outra visibilidade do galego, cos audios, videos, fotos, memes, etc. Os internautas, bercianos e foráneos, poden facer moito polo galego, caso da divulgación infinita. No século XXI temos que saber saltar os estreitos lindeiros da territorialidade do galego no Bierzo.

Necesitamos superar a suposta problemática da relación entre as falas locais e o galego estandar ou normativizado. As novas xeracioes do Bierzo queren un galego funcional que sirva para afrontar o seu futuro coa vantaxe bilingüe. Nesta dinámica vital do noso galego berciano podemos pasar sen dificultade ao galego normativo e logo seguir co portugués máis internacional. Paga a pena fomentar esta evolución idiomática se queremos sobrevivir no século XXI como minoría idiomática.

O BIERZO, MARZO DE 2019

www.obierzoceibe.blogspot.com