POLA HERDANZA GALEGOBERCIANA

A HERDANZA GALEGOBERCIANA.

por Xabier Lago Mestre.

Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

O Bierzo ten unha herdanza galegoberciana que non se pode negar. Maniféstase na fala popular, a toponimia, as tradicioes, a literatura oral, etc. Todo isto é un patrimonio cultural que debe ser conservado e protexido pola cidadanía e maias institucioes públicas.

Podemos salvagardar este patrimonio idiomático coas correspondentes investigacioes históricas, filolóxicas e sociolingüísticas. Convén recompilar o abundante léxico e estudar a sintaxe, fonética e morfoloxía propias. Mais sen caer no excesivo localismo que nos afaste das linguas veciñas de Galiza e Portugal. Porque o idioma galego do Bierzo non ten futuro senón se insire no dito ámbito sociolingüístico galego do noroeste peninsular.

Ademais o noso galego do Bierzo ten que procurar unha maior aceitación social, cultural, institucional e económica. A cidadanía pode asumir o bilingüismo como un valor en alza. As elites culturais teñen que axudar a prestixiar o galego doutro xeito. Pola outra banda, as instituciois públicas non deberían fomentar dinámicas discriminatorias históricas cara ao galego. Mentres que o sector económico pode apostar por outras vías de desenvolvemento (turismo, viaxes internacionais, publicidade, etiquetaxe, etc.


Ademais, os falantes galegos esiximos o respeito da nosa dignidade cultural. Somos unha minoría lingüística no Bierzo, en León e en Castela, mais o número de falantes non resta importancia nin valor cultural. Tódolos falantes dos diversos idiomas temos a mesma dignidade cultural. Por iso as diferentes lexislacioes non deben crear fronteiras idiomáticas artificiais nin orixinar discriminacioes lingüísticas.

No Bierzo hai unha minoría lingüística galega que ten que ser recoñecida legalmente. As institucioes públicas non queren admitir o bilingüismo de xeito xurídico. Mais non poden incumprir a atual lexislación lingüística tal como xorde na Constitución, a Carta Europea de Linguas rexionais ou minoritarias, o Estatuto de Autonomía de Castela e León ou a Lei de Creación da Comarca do Bierzo.

Non se pode entender que falantes dunha mesma lingua galega, de Galiza e do Bierzo, teñan ou non recoñecidos dereitos lingüísticos segundo vivan ao oeste ou leste do porto do Cebreiro. Non hai lóxica nesta fronteira idiomática artificial, creada por razoes históricas, e potenciada polas políticas de hoxe para dividir a falantes dunha mesma lingua galega.


As dinámicas discriminatorias históricas cara ao galego do Bierzo non poden manterse por máis tempo. O nomenclátor non admite os nomes dos concellos en galego. A toponimia menor está a ser deturpada polos castelanismos. Os nomes en galego das persoas, animais, vexetais, orográfía, etc desaparecen sen xeito. Por iso hai que reacionar canto antes para recuperar o prestixio do noso galego rural e tradicional.

Despois destas décadas de Estado de autonómico O Bierzo segue sen poder recuperar a lingua galega no seo das institucioes locais (Consello Comarcal, concellos e pedanías). A lexislación de Castela e León non ten facilitado a normalización do uso do galego. Velaí a razón de que haxa que demandar a cooficialidade do galego como solución da atual problemática lingüística no Bierzo. Co mandato legal de oficialidade o galego terá o protagonismo administrativo e xerará os dereitos lingüísticos para os falantes.

O Bierzo, agosto de 2018

www.obierzoceibe.blogspot.com