AS ENQUISAS SOCIOLINGÜÍSTICAS PARCIAIS.

ENQUISAS LINGÜÍSTICAS PARCIAIS,
Por Javier Lago Mestre.

Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

Os medios de comunicación informan sobre os resultados da última enquisa sobre sociolingüística do galego, editada pola Real Academia Galega (2018). Neste escrito non imos analizar os resultados dese académico traballo. Soamente pretendemos facer unha valoración crítica do seu contido como falantes exteriores.

Os galegofalantes dos territorios estremeiros, a saber, Eo-Navia, O Bierzo e mailas Portelas de Zamora, non entendemos que non se nos teña máis en conta. Cal é a razón de que esas enquisas e traballos sociolingüísticos ignoren aos falantes destas terras?.

Neses estudos xorden os mapas de Galiza, por concellos e bisbarras da atual Comunidade Autónoma. Mais os territorios estremeiros, con galegofalantes dende a Idade Media, non existimos nos gráficos. Canto mal está a facer este ocultamento para a valoración lingüística dos propios falantes estemeiros.


Cando se estuda a situación da lingua galega é un grave erro restrinxir a análise aos falantes da atual Comunidade Autónoma de Galicia. O abandono investigador de parte dos falantes do noroeste peninsular, cos territorios estremeiros, non ten explicación lóxica.

Restrinxir os estudos sociolingüísticos á Comunidade Autónoma de Galicia favorece as dinámicas de desprestixio dos galegofalantes estremeiros. Non se analiza o que non se valora académicamente, quizais por sermos minorías culturais afastadas.

Os galegofalantes estremeiros sufrimos, nos nosos territorios illados, o sometemento a continuas discriminacioes políticas, administrativas, educativas, etc. Nosoutros non temos recoñecidos os nosos dereitos lingüísticos históricos. Por iso era de agardar un maior respeito por parte da Galiza administrativa veciña. Tamén somos protagonistas da presenza do idioma galego no noroeste peninsular. Merecemos outro trato institucional.


Reclamamos a tódalas institucioes da Comunidade Autónoma de Galicia que miren máis polos falantes estremeiros. Queremos recuperar a irmandade cultural histórica. Menos complexos polos lindeiros políticos y administrativos que nos afastan hoxe. Cómpre un compromiso cultural interterritorial polo mantemento de tódolos galegofalantes no noroeste peninsular sen excepciois.

Por todo o dito, as comunidades galegofalantes estremeiras temos unha sensación de abandono. Como tais minorías non podemos resistir ante as políticas culturais uniformizadoras de Asturias e Castela e León. Necesitamos a axuda exterior, da Galiza, para parar as dinámicas discriminatorias acotío. Neste senso, estaría ben a fixación de convenios de colaboración, en materia lingüística entre institucioes de Galiza e Asturias e O Bierzo, caso do noso Consello Comarcal.

Outro tanto se pode dicir dos medios de comunicación. Informar máis sobre a problemática lingüística dos territorios estremeiros axudaría moito. Deste xeito a Galiza administrativa tomaría máis conciencia da necesidade de axudar aos falantes foráneos. As minorías estremeiras necesitamos dese apoio mediático exterior para reforzar a nosa autoestima coletiva.

O Bierzo, maio de 2018

www.obierzoceibe.blogspot.com