A LINGUA GALEGA DO BIERZO RESISTE

Child hands painted in colorful paints ready for hand prints

O GALEGO DO BIERZO RESISTE,
Por Javier Lago Mestre.

Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
No Bierzo existen falantes galegos dende a Idade Media. Mais hoxe o lindeiro político artificial condiciona a nosa existencia cultural. Resulta inxusto que falantes do mesmo idioma galego tiñamos distintos dereitos lingüísticos recoñecidos pola lei. A comunidade galegofalante do Bierzo somos unha minoría que resistimos acotío fronte á asimilación castelá.
Nestas condicioes a resistencia cultural é moi precaria. Velaí a necesidade de pedir axuda a Galiza unha vez máis. Ben sabemos que as institucioes públicas de Galiza teñen unha obriga legal de apoiar o galego estremeiro. Na Lei de Normalización Lingüística (1983) hai unha referencia a “protexe-la lingua galega falada en territorios limítrofes coa Comunidade Autónoma” (art. 21). Outro tanto acontece co Plan de Normalización Lingüística da Lingua Galega (2004) que inclúe un apartado referido ás “relacións con outros territorios de lingua galega” (Área 2).
Grazas a estas disposiciones lexislativas comentadas o galego do Bierzo tivo un pequeno apoio político e económico dende Galiza. Agora ben, estamos no 2017 e cómpre revitalizar a reivindicación galegueira. Por iso facemos un novo chamamento ás institucioes e partidos de Galiza.


No Bierzo nin a minoría falante nin as institucioes locais temos capacidade para fomentar o galego sen axuda foránea. Convén que as institucioes e partidos de Galiza se comprometan máis co mantemento do galego no exterior.
Dende O Bierzo queremos achegar unas medidas de apoio ao galego. Principiamos co ensino onde quedan centros escolares do Bierzo ocidental que aínda non ofertan galego (Veiga de Valcarce, Carracedelo…), o que provoca inxustas carencias lingüísticas ao seu alunado.
En materia toponímica, no Bierzo sufrimos a imposición da Lei do Réxime Local de Castela e León (1998), “la denominación de los municipios habrá de ser en lengua castellana” (art. 24.1). A consecuencia desta obriga legal é a progresiva castelanización da nosa toponimia maior e menor. A Comisión Toponímica de Galiza ten que axudarnos.
O Consello Comarcal do Bierzo debe asumir un maior protagonismo político na normalización lingüística. Agora ben, esta institución non posúe medios económicos abondos. Necesitamos xa que a Xunta de Galiza, Junta de Castela e León e o dito Consello Comarcal asinen o protocolo de colaboración en materia lingüística.
O dito protocolo pode conter referencias á creación dun servizo lingüístico, no seo do Consello Comarcal. Con este novo servizo se poderá introducir o galego nas institucioes locais (Comarca, concellos e pedanías).


Outro tema importante son os medios de comunicación do Bierzo. Non resulta doado o uso do galego por iso hai que incentivar esta lingua. Unha medida sería a edición de publicidade institucional de Galiza, en galego, nos medios bercianos. Deste xeito se estimulá a presenza do noso idioma e a súa valorización social.
En materia turística resulta necesaria unha maior colaboración interinstitucional. Galiza e O Bierzo contan con espazos naturais veciños (Os Ancares, Enciña da Lastra…) e rotas turísticas (Camiños de Santiago e Inverno, mineiría romana, etc). Hai que rachar coa dinámica de promoción turística diferente para espazos comúns. Unamos os esforzos cos mesmos medios (publicidade, feiras, folletos, mapas…) e en galego.
Resta moito por facer na promoción do galego no Bierzo. Dende logo sería un erro crer que podemos existir culturalmente sen a axuda de Galiza. Ademais, convén ter en conta que o galego do noroeste peninsular abrangue os territorios estremeiros. Todos os falantes galegos somos responsabeis do seu devir secular.

O Bierzo, setembro de 2017.

www.obierzoceibe.blogspot.com