POLO NOSO BIERZO BILINGÜE.

O BIERZO BILINGÜE.
por Javier Lago Mestre.

Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo
A lingua galega ten presenza no ocidente do Bierzo dende a Idade Media. Os galego-falantes formamos na atualidade unha comunidade lingüística minorizada. Outras comunidades lindeiras con Galiza esténdense tamén por Asturias e Sanabria. Sen embargo, o pequeno número de falantes ante a maioría castelá debe favorecer a súa proteción legal porque outro trato sería discriminatorio.
Polo que toca ao galego do Bierzo, xa ten un recoñecemento expreso no Estatuto de Autonomía de Castela e León, “gozará de respeito e proteción a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice” (art. 5.3). Outro tanto acontece coa Ley da Comarca do Bierzo (art. 1.4). Estes dous mandatos legais obrigan a todas as administraciois públicas no seu cumprimento efeitivo.
O Estatuto de Autonomía antedito refírese a que “regulará a Comarca do Bierzo, tendo en conta as súas singularidades e a súa traxetoria institucional” (art. 46.3). Non se pode negar que entre estas singularidades está a existencia secular da lingua galega no Bierzo. Logo non pasemos por alto este feito cultural diferencial por parte das administraciois locais.


Resulta incuestionable a importancia desta singularidade cultural na rexión do Bierzo frente ao uniformismo idiomático de Castela e León. Outras comunidades autónomas periféricas souberon aproveitar esta diferenciación lingüística para arrancar beneficios políticos. A lingua galega fundamenta a xestión autónoma para O Bierzo ante a Junta de Castela e León.
Os concellos, as xuntas veciñais e o Consello Comarcal teñen o protagonismo administrativo en materia lingüística. Pero temos o problema do financiamento local. Por iso hai que contar con apoio exterior. Referímonos ás instituciois públicas de Galiza que teñen a obliga legal de fomentar o galego exterior. Así acontece coa Ley de Normalización Lingüística, “protexe-la lingua galega falada en territorios limítrofes coa Comunidade Autónoma” (art. 21.2).
Logo O Bierzo pode contar con apoio exterior no fomento da súa lingua galega. Deben axudar tanto da Xunta de Galicia coma a Junta de Castela e León, segundo determina a Lei da Comarca, porque “facilitará a participación da Comarca do Bierzo nas atuaciois que realice para a promoción da lingua galega no seu ámbito territorial” (art. 1.4).


Para acadarmos a necesaria colaboración interterritorial hai que sinar os correspondentes convenios administrativos. Estes teñen fundamentación legal bastante para elaboralos, en base á normativa xa vista, só falta a vontade política para levalos a cabo. Convén recoñecer que detrás da lingua galega hai falantes que merecen o respeito institucional. Non cumprir o que determinan as leis en materia lingüística significa discriminar aos falantes desprotexidos. Hai que rachar xa coas dinámicas lingüísticas antigalegas na rexión do Bierzo.

O Bierzo, xullo de 2017.